O movemento polos dereitos nacionais galegos precisa rearticular-se e rearmar-se. A chamada “corrección política” ten expulsado o exercicio dos dereitos colectivos fóra do cadro xurídico-político, fóra da actualidade do debate social e fóra dos medios de comunicación masiva.
Os grandes poderes económicos e políticos actuantes na Galiza seguen na posición de sempre: son inimigos da soberanía galega porque a decisión do noso pobo sobre os seus destinos colectivos poderia estragar os seus plans da desfeita: privatización do territorio, turistificación, recurte de dereitos dos traballadores e traballadoras e economía do tixolo. A dia de hoxe a grande prensa empresarial é unha portavocia obediente dos conglomerados industriais, as promotoras e as transnacionais da enerxía.
Todos os partidos institucionais sen excepción, tamén están interesados en marxinalizar a esixencia autodeterminista: viven en exclusiva para xeriren un modelo territorial e sócio-económico que consideran indiscutíbel, expremindo os seus máximos beneficios para manter os profesionais da política. A galeguidade non é para eles a defensa dunha identidade agredida e/ou dun proxecto de poder popular, senón un verniz sentimental para consolidar os seus postos e aderezar os seus negocios. Baixo o goberno destas estruturas incontestadas, oficializa-se o mercadeo e a imaxe, a cousa pública eleva-se a dedicación privada, expande-se o xogo de favores e a xestión da miseria, e a crítica radical risca-se de inoportuna e molesta. Nunca na nosa historia a palabra política estivo tan deslexitimada, e nunca foi tan preciso revitalizar, no traballo e na rua, o sentido emancipador da causa galega. Se non fosse asi, ante un panorama xeralizado de agresión sen resposta, as maiorias sociais instalarán-se de vez na desidia.
O españolismo, a través dos seus dous grandes partidos, non abandoa xamais a sua soberba. Reafirma-se na sua trincheira constitucional e, coa boca grande, di ás nacións non españolas que non cede no seu dereito de conquista: o monarca non se pode cuestionar, a autodeterminación é ilegal e mesmo toda reforma estatutaria pasa finalmente pola peneira de Madrid, os tribunais de excepción manteñen-se activos, e @s independentistas son xulgados pola audiencia nacional, ao ditado do executivo e das suas conveniencias conxunturais. En contraposición, @s autonomistas e nacionalistas mornos falan coa boca pequena, tatexan reivindicacións mínimas, e peden un chisco de tacto na sua procura de cota eleitoral. Mais xa pasou a etapa das concesións aparentes, e a hispanidade “plural” do goberno de hoxe converxe, no fondo, co modelo que a extrema dereita ven promocionando.
Causa Galiza rexeita a constitución española do 78 xurdida da reforma do réxime franquista, que é o cadro xurídico, político e administrativo para a opresión da Galiza, a explotación da clase traballadora, e a que prohibe expresamente o exercicio do dereito de autodeterminación e é garante da “Unidade de España”.
Causa Galiza considera que a reivindicación do dereito de autodeterminación virá da man da loita do pobo traballador dunha óptica de esquerdas, asi pretendemos que a reivindicación autodeterminista atinxa maior profundidade e dimensión: para iso ten que ligar-se con tantos conflictos parciais que se libran no País, e chamamos a participar da manifestación do 6-D ás organizacións sociais, políticas e sindicais que defenden o dereito dun pobo a decidir.
Causa Galiza insiste en pór de novo a rivindicación elemental da soberanía galega, sen ceder nen un milímetro na esixencia de autodeterminación como única garantia democrática fronte á imposición constitucional. Neste dia da constitución española, queremos insistir na vixencia da nosa loita, somando-nos a todos aqueles e aquelas que exercen os seus dereitos dia a dia loitando contra as agresións imperialista, sen renunciar á rua como escenario fundamental de acción social e política.
Esta iniciativa quere contribuir a erguer un espazo polo soberanía plena que dé eco ás loitas que articulan as xentes auto-organizadas en todos os campos da vida.
Na Galiza, 6 de decembro de 2007
Voltar ao inicio desta nova