O SLG manifestouse en Bruxelas para demandar un mundo rural vivo
Na mobilización participaron unha trintena de organizacións agrarias de todo o continente
(Foto: ©SLG).
O SLG manifestouse en Bruxelas, diante da reunión do Consello Agrícola Europeo, en demanda dunha Política Agraria Común que garanta un medio rural vivo en Europa e contra a reforma da PAC, coñecida como “revisión médica”, que se vai realizar en 2008.
Nesa manifestación participaron unhas trinta organizacións que representan a todas as rexións, nacións e estados da UE, e foi convocada pola Coordinadora Europea da Vía Campesina, a Coordinadora Labrega Europea (CPE) e a Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG). As e os participantes partiron da Praza de Meeûs ás 10:30 horas, e camiñaron ata Schuman, onde se atopan as institucións comunitarias.
Os militantes do SLG (Sindicato Labrego Galego), viaxaron até Bruxelas para poder participar o 26 de novembro na manifestación en defensa da agricultura labrega europea e dunha Política Agraria Común (PAC) feita á medida das persoas e das explotacións en base a criterios como a lexitimidade, a solidariedade e a sostibilidade; ou, en resume, para reivindicar unha PAC orientada a manter un mundo rural vivo.
Segundo dí o responsábel de relacións internacionais do Sindicato Labrego, compañeiro Xosé Ramón Cendán, “esta reforma vai a afectar de cheo ao medio rural en xeral, coa redución drástica dos fondos económicos neste capítulo dos orzamentos comunitarios, ou a sectores agrarios tan importantes para Galiza como o leiteiro, coa anunciada liberalización do mercado ao suprimirse o control das cotas, ou o vitivinícola, cunha reforma da organización común de mercado (OCM) en beneficio dos intereses das grandes empresas e multinacionais”.
Contra isto, o SLG avoga por un control da produción leiteira baseado nun reparto xusto e solidario do dereito a producir, por unha vitivinicultura de calidade que respecte e potencie a produción labrega, as diversidades xeográficas e as nosas denominacións de orixe, e por uns prezos xustos para todos os sectores que cubran os custes de produción nas explotacións e remunere dignamente o traballo de labregos e labregas.