A veciñanza d’As Encrobas e A Lousa leva décadas padecendo o veleno e sucidade dunha das centrais térmicas máis contaminantes de Europa. Pero o problema agravouse co esgotamento do carbón local e a importación de lignito estranxeiro moito máis volátil.
Así, quen vive preto da central de Meirama, sabe que a súa vida vai estar sempre esborranchada por unha tona de feluxe. Todo esta sucio: as casas por fóra, e por dentro se tes as ventás abertas cando o vento vén da mina; os prados e as leiras; o ar que se respira; todo. E así día tras día.
A empresa xestora do xacemento, Lignitos de Meirama SA (Limeisa), négase a investir o necesario para impedir que o vento erga po do carbón almacenado que, ao estar só cuberto por unha pérgola e aberto polas bandas, fai que se esparexan varias toneladas cada ano polos arredores.
Por se isto non abondase, nos últimos tempos á feluxe estáselle a unir outra substancia que, en forma de folerpas -probabelmente sulfato cálcico- sae da cheminea da central e chove como neve sobre todo o lugar. A empresa sostén que son emisións inertes como consecuencia da limpeza da cheminea, que non se limpa dende hai trinta anos.
Con este panorama, non é de estranar que, trinta anos despois, nas Encrobas a loita contra Fenosa continúe.
Fonte: Sindicato Labrego Galego Voltar ao inicio desta nova