Alén disto, e ainda que os refugallos non tiveran actividade radiactiva, ADEGA lembra que en aplicación do Principio de Proximidade, estes deberían tratarse nas áreas máis próximas a onde se xeneran.
Sexa como sexa, ADEGA esixa das administracións competentes que impidan a incineración de calquera residuo radioactivo, sexa cal sexa o seu grao de actividade. Cómpre lembrar que a incineración non elimina a radioactividade dos materiais, senón que só produce cambios físico-químicos que mesmo contribíuen a espallar por unha maior área do territorio os elementos radiactivos presentes nos refugallos.
Finalmente, ADEGA quere outra volta expresar o seu total apoio e solidariedade cos veciños de Cerceda e cos traballadores da central de Meirama que levan anos aturando as chuvias de carbón, de folerpas ácidas e agora chuvia radiactiva, debido á actitude antiecolóxica, insolidaria e prepotente de Unión Fenosa.
Se en 1973 a cidadanía galega conqueriu rexeitar a instalación dunha central nuclear en Xove, e logo das grandes mobilizacións dos anos 1981 e 1982 contra os vertidos radiactivos na foxa atlántica, ADEGA non vai permitir agora a queima, procesamento ou almacenamento de ningún tipo de refugallos radioactivos en Galiza.
Foron os própios traballadores os que evitaron que en Meirama se queimasen os residuos da nuclear de Zorita
Segundo coinciden varias informacións foi o propio comité de empresa o que abortou a decisión, logo de coñecer que ía chegar un transporte especial con vinte toneladas de palés moídos.
Inmediatamente despois de que saltaran todas as alarmes de que Fenosa queria trasladar a Galiza vinte toneladas de serrallo procedente da central nuclear de Zorita, antes de que rematase o ano o propio comité de empresa da térmica cercedense foi o que informou e puxo os primeiros reparos ao transporte do serrallo, que xa dispoñía dun permiso especial. Alén diso, os representantes dos traballadores advertíronlle á empresa que poñerían o feito en coñecemento da Inspección de Traballo.
As vinte toneladas de serrallo proceden de palés moídos que se empregaban nas instalacións de Almonacid de Zorita (Guadalaxara). O Consello de Seguridade Nuclear (CSN) autorizou a Unión Fenosa a queima deste serrallo xa que, segundo este organismo, non representa un perigo. A empresa decidiu trasladalo até o municipio de Cerceda para queimalo. Porén, logo de ver a postura dos propios traballadores, semella que Unión Fenosa está a reconsiderar(?) a súa decisión.