ALERTA: A PATRONAL VIXÍANOS!

Non nos enganemos, esta política empresarial obedece a unha táctica meditada e intencionada, a patronal non da paos de cego, non perden o tempo e todo o que fan ten unha lectura que vai máis alá do que aparenta. Nesta ocasión están habilitando as armas coas que van loitar en adiante; calquera de nós que tente falar de sindicalismo de clase, calquera de nós que tente facer unha asemblea, calquera que loite polos dereitos da clase obreira vai ter un nome e unha cara sinalados nun televexo e rexistrados nun ficheiro. Estan a trasladar ás fábricas a vixiancia dos campos de concentración ou das cadeas, facendo pasar por criminais aos que precisamente sofren a explotación e o roubo da plusvalía que xeneran.

A patronal sabe perfectamente que a loita de clases continúa; sabe que o proletariado está por natureza, dereito e historia no lado oposto da burguesía que eles representan, e saben que nesta dialéctica vai gañar aquela clase que teña máis determinación nas súas accións e máis conciencia do que é e cal é o enimigo. Non podemos deixarlles vantaxe algunha, temos que evitar caer en debates estériles e unírmonos na loita. Con intelixencia, unión e ferro, venceremos nós.

Os compañeiros da Coordinadora do Metal de Vigo fixeron público un comunicado, repartido o pasado 27 de decembro, que agora vos facemos público.

ALERTA!!!

A dirección de Barreras quere converter o asteleiro nun campo de concentración colocando cámaras por todas partes, incluso controlarnos cando imos cagar. Non debemos consentir tal agresión a nosa intimidade. Este é un asteleiro ao cal vimos a traballar e a deixar parte da nosa vida, para que agora o Viñas, o Maceiras e compañía queiran controlar até coma respiramos. NON O CONSINTAMOS!!

Para circuítos pechados de televexo sóbranlles os cartos, pero non lles falemos de seguridade e hixiene que iso non interesa. Non lles importa que nos matemos ao subir por unhas pasarelas caseque verticais que non reunen as condicións mínimas de seguridade. Tampouco lles importa que os andamios non sexan seguros, e con tal de aforrar cartos son que de apartar a unha empresa con experiencia e contratar a outra con menores recursos e profesionalidade.

Para cámaras sóbranlles os cartos, para vestiarios non teñen un can. Dende eiquí reclamamos uns vestiarios decentes e ampliación dos actuais ao dobre. Tamén que se mellore o acceso aos vestiarios das contratas, con iluminación e un pavimento en condicións para non chapotear nos charcos. Somos persoas e como tales temos que esixir que nos traten. BASTA!!! Xa está ben de que nos traten con desprezo e máis cando eles teñen esa posición privilexiada grazas ao noso traballo e esforzo. Fagamos que nos respeten!!!

ALERTA compañeiros, a situación é seria e preocupante como para dárlle unha resposta contundente. Onde está o comité de Barreras?, xa sabemos que está máis preto da dirección que de nós, os traballadores, e por iso están calados coma putas. O tema é serio e grave. Respetémonos e fagamos que nos respeten.

Organicémonos e loitemos pola nosa dignidade. Somos persoas, non escravos. [Voltar ao inicio desta nova]