MANIFESTACIÓN EN CAMELLE E AROU CONTRA O PLANO ACUÍCOLA

Levan meses loitando contra unha planta de cría de rodaballo que a Xunta de Galicia prevé instalar a penas a uns metros do centro da vila. Este domingo, a Asociación de Veciños de Camelle A Pergoliña convocou unha manifestación á que se sumaron tamén plataformas veciñas afectadas, como Merexo, Quilmas, Arou ou Corrubedo, ademais dunha representación de Malpica que desenvolveu a súa propia marcha de protesta.

Colectivos e asociacións ecoloxistas como ADEGA ou Rede Galiza Non se Vende solidarizáronse tamén para protestaren, como asegura ADEGA na súa páxina na rede, "contra unha planta de grande impacto medioambiental prevista nun litoral de gran riqueza pesqueira e marisqueira situada estratexicamente nos límites da Rede Natura".

A veciñanza de Camelle salienta que a planta ocupará unha superficie de 217,000 m2, mais non paliará as consecuencias da ausencia dun plan de desenvolvemento económico que sofre a zona desde hai décadas, porque os postos de traballo que xeraría serían moi limitados. Lembran que o Plan Sectorial de "megaparques" de acuicultura en terra recolle para Camelle e Arou dúas instalacións, a denominada Xandriña e a de Cameselle, nunha costa virxe de "altísimos valores" naturais e culturais.

Cruces sobre a praia e un testemuño

Como acto simbólico, os veciños da vila instalaron na praia da localidade 50 cruces de madeira con lazos verdes que simbolizarán "a destrución definitiva dunha zona cun enorme potencial pesqueiro, medioambiental e turístico, único na costa atlántica europea e para o que até hoxe ningún goberno da Xunta de Galicia presentou un proxecto de desenvolvemento sustentábel digno".

Como punto final da manifestación leuse unha carta do fillo do alcalde de Camariñas Manuel Valeriano Alonso, Diego Alonso, grande defensor do Plano Acuícola e que expresará a súa opinión tras de traballar nunha factoría de rodaballos.

(1). Na primeira, o 4 de novembro en Corrubedo, participaran milleiros de persoas.

[Voltar ao inicio desta nova]