O Goberno bipartito de Vigo aprobou hoxe o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) da cidade, cos votos favorables de BNG e PSOE no medio das protestas de veciños que tiveron que ficar ás portas do concello ante a imposibilidade de acceder á sala de Plenos.
Estes viciños, por volta de dous centenares, permaneceron concentrados ás portas da casa do concello berrando consignas contra o plan e contra o Goberno local e atirando ovos e petardos contra os cristais do edificio. A presidenta da Federación Veciñal, Elena González, riscou de “escándalo” que o PSOE “enchese a sala cos seus militantes metidos pola porta de atrás para que non puidese estar ningún veciño afectado”.
A Federación de Asociacións Veciñais ‘Eduardo Chao’ de Vigo estuda a posibilidade de presentar unha denuncia nos xulgados contra o Goberno local, por impedir hoxe o acceso dos veciños ao salón de Plenos, onde se votou a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal.
Segundo explicou a presidenta da Federación, Elena González, a entidade que representa púxose en contacto cun avogado “para saber de que forma se pode presentar esa denuncia e contra quen”, ao tempo que recordou que “o acontecido hoxe é un escándalo sen precedentes”.
González denunciou que o alcalde actuou hoxe cunha “falta de democracia gravísima e intolerabel” e criticou que “encheron a sala con xente que meteron por detrás” para impedir que os afectados polo Plan puidesen asistir á sesión plenaria que, tal e como se reflicte na Lei de Bases de Réxime Local, é pública.
A sesión comezou ás 9.00 horas da mañá sen que ningún dos veciños que facían cola (algúns dende as 5.00 horas da mañá) á porta da Casa do concello puidese acceder ao salón. De feito, a esa hora, a zona destinada ao público nese salón xa estaba ocupada por uns 40 militantes e cargos do PSOE, entre eles, os deputados Manel Gallego e Abel Losada, e o concelleiro do Concello de Gondomar, Alfonso de Lis. Os veciños, máis de 200, concentráronse durante toda a mañá no exterior do Concello, coreando consignas contra o PXOM e contra o Goberno local, ao tempo que atiraban ovos e petardos contra os cristais do salón de Plenos.
[Voltar ao inicio desta nova]