Os movementos sociais galegos que nos opoñemos ao Plano Acuícola, queremos manifestar a nosa indignación polo desprezo amosado pola administración, xa que até o de agora a Consellería de Pesca nen sequera se dignou a recibir aos representantes dos máis de 60 colectivos e plataformas que denunciamos a insustentabilidade deste plano. No entanto, dende a Consellería de Pesca non se tivo reparo en manter varias xuntanzas coa patronal do peixe plano, incluindo xiras de “propaganda e formación” polas casas matrices dalgunha destas empresas transnacionais.
Logo da contundente mostra de dignidade popular acontecida en Corrubedo o pasado 4 de novembro, coa Marcha Nacional pola Defensa do Litoral, a Consellería de Pesca e nomeadamente a súa titular Carmen Gallego, segue negándose a recibirnos. Coa súa actitude, a conselleira está a ningunear os dereitos dun amplo sector da cidadanía que só pretendemos escoitar dos nosos governantes en primeira persoa as razóns para seguir defendendo o indefendíbel: un Plano Acuícola lesivo para o ambiente, a sociedade e os intereses económicos do país.
As nosas reivindicacións non son políticas: teñen que ver coa protección efectiva do patrimonio natural do litoral, das súas augas e costas virxes e do dereito a producir e aproveitar sustentábelmente os seus recursos. Fronte á cobiza dun modelo económico agresivo e insolidario como o que representa a piscicultura industrial intensiva que se nos quere impor, totalmente afastado da cidadanía e do noso desexo de camiñar cara a sustentabilidade, vémonos na obriga de reaxir contra o desleixo da administración.
Nese senso, manifestamos a nosa firme vontade de avanzar nas nosas reivindicacións para seguir defendendo os dereitos que nos asisten como pobo e a dignidade da nosa terra. Por iso, queremos anunciar públicamente que as nosas actuacións a partir de agora estarán orientadas a:
1.Facer ouvir a voz da cidadanía comprometida coa defensa do noso litoral para que sexa escoitada por un governo que, afectado de xordeira selectiva, pretende consumar mediante o Plano Acuícola a meirande destrucción do litoral da historia de Galiza. Diante desta xordeira, non temos outra saída que elevar a nosa voz para que sexa escoitada nos ámetos con capacidade para decidir.
2.Garantir a protección efectiva do litoral galego ameazado, das súas paisaxes, do seu patrimonio natural e cultural e do noso dereito aproveitar sustentábelmente uns recursos que o Plano Acuícola compromete de por vida, mediante todos os instrumentos legais ao noso alcanzo.
3.Esixir que a administración galega actúe efectivamente en defensa do interese público através dunha planificación económica e territorial sustentábel, na que prime a conservación dos recursos naturais propios e fomento dun tecido produtivo autóctono socialmente xusto e respectuoso co medio. Diante da deixación de funcións da administración e a apropiación indebida do noso litoral que representa o Plano Acuícola, vémonos na obriga de facer valer directamente os nosos dereitos.
Para conquerir estes obxectivos, alén de seguir exercendo novas accións lexítimas e non violentas de presión, das que daremos conta nas vindeiras semanas, os movementos sociais e ambientais anunciamos que estamos dispostos a presentar dunha Iniciativa Lexislativa Popular en Defensa do Litoral -ILP- no Parlamento de Galiza.
Con esta ILP do litoral, que coidamos vai acadar un amplo apoio social, pretendemos correxir as manifestas eivas que en materia de protección do litoral ten a nosa lexislación, e garantir unha protección efectiva e permanente dos seus recursos. Neste senso, a Lei 6/2007, do 11 de maio, de “medidas urxentes” en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galiza, constitúe tan só unha feble declaración de intencións que non garante a protección efectiva e permanente dun medio sobre o que penduran aínda ameazas tan graves como Plano Acuícola. Se os nosos representantes políticos non son quen de garantir a protección do patrimonio e dos nosos recursos naturais, se non son quen dar resposta ás demandas da cidadanía neste senso, teremos que ser nós mesmos/as quenes exerzamos de xeito directo a capacidade de lexislar.[Voltar ao inicio desta nova]