CELEBRADO ACTO CONMEMORATIVO DO 49 ANIVERSARIO DA REVOLUCIÓN CUBANA

...Despois de escoitar os hinos nacionais de Cuba e de Galiza, interviu o compañeiro Xosé Viqueira Sende“Checho”, presidente da Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil” que saúdou e agradeceu a presenza de todos os presentes e chamou a loitar e a seguir procura da nosa máis ampla unidade na solidariedade con Cuba e a súa Revolución.

Fechou as intervencións o compañeiro Alejandro Fuentes Hernández, Cónsul Xeral da República de Cuba en Galiza, que lembrou as conquistas sociais e revolucionarias de Cuba nestes 49 anos nos que deixou atrás a brutalidade da tirania, a miseria, a inxustiza e a ignorancia.
Despois de denunciar a barbarie imperialista característica do momento actual, afirmou a sua plena confianza no futuro da Revolución e do futuro socialista de Cuba.

Tanto o Cónsul como outras intervencións fixeron referencia á inxusta situación dos cinco compañeiros antiterroristas cubanos que están nas prisións ianquis, destacando o seu extraordinario exemplo de heroísmo e patriotismo ao servizo da soberanía de Cuba, que é a causa de todos os homes e mulleres dignos e libres do resto do mundo.
..........................

TEXTO DA INTERVENCIÓN DO PCPG QUE LEU O CAMARADA ERNESTO CAÑEDO

Querido compañeiro Alejandro Fuentes, queridos compañeiros e compañeiras do Consulado Xeral de Cuba en Galiza

Prezados/as compañeiros/as da Asociación de Amizade Galego Cubana “Francisco Villamil”

Agradecemos inmenso o voso convite para estar neste acto conmemorativo no que xunto a outros/as camaradas, amigos/as e organizacións celebraremos o 49 aniversario do trunfo da Revolución Cubana.

Asimesmo en nome do Comité Nacional do PCPG transmitimos a todos os presentes un saúdo fraternal, entusiasta e solidario que queremos elevar ao povo cubano e á súa dirección revolucionaria aos que felicitamos polos extraordinarios logros acadados, como son: defender exemplarmente a súa soberanía e independencia nacional, facer o imposible no medio dun asedio implacabel para, non somentes preservar a propia vida e integridade dos seus habitantes senón tamén mellorar o se benestar, protexer como ninguén a súa infancia e a saúde da súa povoación, educar exemplarmente nos valores da solidariedade e o internacionalismo e fomentar sen desmaio a cultura e a investigación científica ao servicio do povo e do resto da humanidade. E todo isto aínda nas condicións máis duras impostas polo bloqueo criminal e imperialista, cousa imposibel para moitas intituladas democracias, porque para eses gobernos lacaios, só están os seus intereses e os dos seus amigos, que todos sabemos que son antagónicos da paz, da xustiza e da verdadeira liberdade.

Queridos e queridas compañeiras e compañeiros de Cuba e da Asociación de Amizade Galego Cubana “Francisco Villamil”: aproveitamos esta tribuna para dicirvos, máis unha vez, que podedes contar coa nosa modesta colaboración e a inmensa vontade para seguir a loitar xuntos por defendermos da barbarie que os USA, o país máis terrorista del mundo, practica hoxe contra os que teñen a valentía e dignidade de loitar por un mundo máis xusto.

Anímanos o exemplo da Revolución Cubana, que no medio desta ofensiva despiadada loita contra a tendencia universal que impón por toda a parte o imperialismo e o grande capital. Anímanos a súa determinación e heroísmo pora vencer a brutal agresión do bloqueo e defender os dereitos e conquistas históricas e revolucionarias do seu povo, mentres que a situación para os nosas sociedades e as realidades dos 2/3 da humanidade están a ser peores ou incluso máis críticas: Miseria, ignorancia, explotación salvaxe, violencia extrema, drogadicción, prostitución, corrupción e outros males das hipócritas y cacareadas democracias.

Compañeiros e compañeiras galegos e galegas, como internacionalistas que somos afortalemos a nosa unidade e organización combativa contra contra o bloqueo.

Loitemos contra a complicididade criminal que os “nosos” gobernos practican, que no fundamental non é máis que pagar favores á mafia de Bush.

Os pequenos Hitler non conseguirán os seus propósitos.

Exixamos, unha vez máis, aos imperialistas a pronta liberdade dos cinco patriotas cubanos, heroicos loitadores contra o terrorismo, prisioneiros nos seus cárceres.

Compañeiros e camaradas cubanos, neste 49 aniversario da vosa Revolución sigan adiante, que o mundo vos quere, vos ama e admira pola vosa dignidade e polos vosos grandes logros.

VIVA SEMPRE CUBA LIBRE E SOCIALISTA.

LONGA VIDA PARA O NOSO COMANDANTE, FIDEL CASTRO RUZ

ATÉ A VITORIA SEMPRE COMPAÑEIROS/AS. VENCEREMOS!

Voltar ao inicio desta nova