"LISTE, PRONUNCIADO LISTER" DE MARGARITA LEDO ANDIÓN


Foi canteiro, emigrante, sindicalista soldado e mesmo xeneral de catro exércitos; liderou o chamado “Batallón galego” na contenda da Guerra Civil provocada polo levantamento fascista, e despois o 5º Rexemento. Un heroe lendario, un revolucionario, un símbolo antifascista universal dos máis salientábeis, o certo é que a súa figura nunca pasou desapercibida. Mesmo houbo varios cómics que narraron os seus avatares. Agora, Margarita Ledo recupera a súa historia en “Liste, pronunciado Líster”, o seu segundo documental.

..
."Efectivamente, eu non son español..., son GALEGO” presumía Enrique Líster cando lle preguntou Hemingway se era ruso (ou non español), tal e como difundían as engraxadas maquinarias propagandísticas do réxime franquista. Formaba parte da lenda que se forxou arredor deste singular home co que Margarita Ledo recupera parte da historia do século XX. “Articulei persoas de hoxe (actores e non actores) que se enfrontaran cos materiais e con esta personaxe. É un percorrido que trae consigo o que cada quen ve no século que se formou Líster” explica a directora aos medios de comunicación.

Segundo recollen varios medios, foi na apresentación de “Santa Liberdade” no Teatro Principal de Compostela, onde Luís González Tosar lle comentou a Margarita a necesidade de facer un filme sobre Líster. Sen embargo, non foi nese momento cando se pon mans á obra senón dous meses máis tarde, cando Henrique, fillo de Líster lle achega o material familiar que comeza a chamar a atención da directora. Comeza así a descubrir un Líster diferente dos tópicos que amosaba a prensa. Malia a imaxe de rudo e tosco, debúxase a dun fillo que volve da Habana coa intención de vingar o ferreiro do lugar que lle deu unha malleira á súa nai, de aquel rapaz que se fai comunista con 19 anos e, como a propia Margarita di “ten unha fortísima crenza no home novo”.

Líster era un personaxe cunha firme personalidade que desenvolveu en moitísimas frontes e en diferentes lugares. É por iso, que Margarita Ledo foi a primeira sorprendida cando comezou a tirar por cada fío e descubría cada vez máis e máis material de moi diferente natureza: cómics, imaxes, vídeos…. Como dí ao portal Galiza Nación: “Hai cómics porque Vittorio Giardino e Antonio Palacios, dous debuxantes contemporáneos mesmo teñen feito historietas baseados na súa propia historia; hai moitísimas páxinas de prensa sobre “o miliciano galego” porque Lister era sobre todo unha personaxe mediática". Tiña un retratista oficial que lle tiraba as fotos, un escultor que fixo bustos del, unha banda de música que o acompañou ata o campo de concentración e que mesmo partiu con el a México no seu exilio.

Despois dun proceso de fonda documentación Margarita Ledo considera que “a través del pódese seguir un século de confrontación moi radical”. En parte porque a súa traxectoria vital, que nos leva desde Cuba ata Rusia pasando por Galicia recolle dous dos movementos sociais destacados: a emigración e o exilio trala Guerra Civil. Pertence a unha familia de emigración a Cuba desde o século XIX, alí estuda no Centro Galego á vez que traballa como canteiro, profesión familiar, e onde fai parte do sindicato deste oficio.

Regresou en 1925, cando tentou revitalizar o Sindicato de Oficios Varios de Teo-Ames, unha actividade que o levou enfrontamentos coa Garda Civil e mesmo a ser detido. A meiros de 1927 volve á Habana onde ingresa no Partido Comunista de Cuba, polo que se terá que exiliar a Nova York, onde non chegará nin a entrar, e vira rumbo á Coruña. Despois dunha estadía na cadea, faise militante, por certo moi activo, do Partido Comunista en Galiza (PCE), tanto que dín que foi seleccionado como delegado no cuarto congreso que se celebrou en Sevilla, no mesmo no que o grande comunista galego Benigno Álvarez fixo a súa famosa intervención sobre temas agrarios, en galego!, con traducción dun delegado do Partido Comunista Português. Despois un grave incidente cos integrantes dun sindicato de Ames provou que o partido lle recomendase á súa marcha á Unión Soviétiva, onde traballou como barreneiro no metro de Moscova e estudou na Academia Militar "Frunze". Pouco tempo despois volve a Madrid cun pasaporte falso para ocuparse do traballo antimilitarista e de instrucción das milicias obreiras e campesiñas.

Co inicio da Guerra, incorpórase ás Milicias Populares como simple soldado pero rapidamente pasa a ser cabo, tenente, comandante e finalmente, xeneral. Estivo á fronte do famoso V Rexemento que agrupou a uns 70.000 homes nos seus cinco meses de existencia.

Abandonou o estado español en 1939, momento no que comezou un longo exilio que o levou, principalmente á Unión Soviética. Loita co exército soviético na Segunda Guerra Mundial, traballa na organización do movimento guerrilleiro e antimilitarista no seo do Partido Comunista e, xa de volta, funda en 1973 o Partido Comunista Obreiro Español. “A nosa guerra”, “Basta!” e “Memorias dun loitador” son algúns dos títulos das obras que escribiu e nos que recolle a súa experiencia vital e fundamentalmente crítica coa traizón carrillista e a dexeneración eurocomunista. [Voltar ao inicio desta nova]