EXPO "ROSTROS DA MEMORIA" DO 13-12 AO 30 DE XANEIRO


Melania Castro Neto, filla de Castor Castro, Alcalde de Barro-Pontevedra en 1936 pola Fronte Popular, perseguido e represaliado. Na outra foto: Isaac Díaz Pardo e Avelino Pousa Antelo

45 imaxes de represaliados galegos durante a época da ditadura franquista.

O fotógrafo Xurxo Lobato recolle nesta exposición que se inaugurou no dia de onte, 13 de Decembro unha serie de retratos de 45 persoas que foron represaliadas ou vítimas do fascismo en Galiza. A mostra está pensada coma unha homenaxe aos homes e mulleres que tiveron que sufrir na súa propia pel os horrores da represión franquista.

Rostros da Memoria poderá visitarse na compostelá Casa da Parra até o 30 de xaneiro, e forma parte da iniciativa a prol de conseguir que os represaliados se convertan en protagonistas “dun tempo no que a recuperación da memoria é unha débeda que aínda queda pendente”. Ademais desta mostra, existen con este fin outras exposicións itinerantes, ademais dun proxecto de investigación interuniversitario baixo o título de Nomes, voces e lugares.

A exposición homenaxea tamén a todos aqueles que mantiveron os ideais comunistas, republicanos, anarquistas, masóns, socialistas e nacionalistas nos tempos en que “pensar era delito e soñar perseguíase”, segundo indica o propio Lobato, quen tamén afirma que “é o momento de cumprir a débeda, que temos os que hoxe gozamos da liberdade, cos que por ela loitaron”. [Voltar ao inicio desta nova]