OS MARIÑEIROS E PERCEBEIROS CORUÑESES NON TEÑEN NADA QUE CELEBRAR
O colectivo de afectados polas obras do Porto exterior coruñés segue sen cobrar as indemnizacións
A policía española desaloxou pola forza unha protesta de mariñeiros afectados pola construción do Porto exterior de A Coruña e causa varios feridos e contusionados
A policía española disolveu pola forza unha protesta de mariñeiros afectados pola construción do Porto exterior de A Coruña. Simultaneamente á carga, na Delegación do Goberno celebrábase un acto solemne en honra á Constitución española, no que participaron, ademais do presidente da Xunta, outros representantes das institucións galegas e do Estado.
Paulo Carril, representante legal destes mariñeiros e secretario comarcal da CIG, cualificou o ocorrido como “intolerábel” e “propio dun réxime fascista”. Denunciou novamente os intentos de criminalizar este colectivo de afectados.
Unha hora antes de se celebrar este acto de enaltecemento da Constitución española, axentes da UIP comezaron a identificar mariñeiros e membros da CIG que se ían achegando á zona. Ao pouco, os manifestantes foron conducidos cara unha das beirarrúas situadas fronte á Delegación do Goberno, onde estiveron concentrados até que empezaron a chegar as autoridades e líderes políticos, entre eles Pérez Touriño, Dolores Villarino ou Alberto Núñez Feijoo. Tamén se deixaron ver na celebración institucional representes das tres forzas da Corporación municipal coruñesa.
Posteriormente, os mariñeiros e percebeiros burlaron o cerco policial e cortaron momentaneamente a confluencia da Praza de Ourense coa rúa Sánchez Bregua. A protesta foi curta por mor da violenta represión da policia “nacional”.
Este colectivo de afectados botouse á rúa en varias ocasións nos últimos días. Os mariñeiros bloquearon o 3 de decembro as instalacións da Autoridade portuaria coruñesa e exhibiron unha porca en cuxos lombos estaba pintado o nome de Macario, en referencia ao presidente do ente. O día posterior ocuparon durante unha mañá as oficinas da Delegación provincial de Pesca e realizaron, ademais, varios cortes de tráfico na Avenida do Exército.
“Agora ofrécennos 2,6 millóns de euros de indemnización para todos os afectados (que son arredor de 200)”, di Luís Dopico, portavoz do colectivo de afectados. No entanto, un informe elaborado por expertos da Universidade de Santiago de Compostela e avalado pola Consellaría de Pesca estima en 27 millóns de euros as perdas polo cesamento da actividade desde o inicio das obras, en 2005.
Fonte: CIG
Voltar ao inicio desta nova.