Denuncian a precariedade laboral e a deslocalización
Esta folga dá inicio a unha etapa de maior conflitividade no sector de Telemárketing despois de que a nivel estatal fora asinado recentemente un Convenio Colectivo que mantén a precariedade e os baixos salarios sen que, por outra banda, exista un compromiso claro de mantemento do emprego.
CIG e CGT veñen de convocar unha folga conxunta que afectará a todo o sector de Telemárketing. Unhas 8.000 persoas en Galiza están chamadas a participar o 21 de decembro nunha xornada de folga que ten como fin denunciar a precariedade laboral no sector e fronte aos actuais plans de deslocalización que teñen en marcha a maior parte das empresas de Telemárketing radicadas en Galiza.
Ao caso xa coñecido de Atento-A Coruña, que non está pechado xa que non hai un compromiso empresarial de mantemento de emprego, súmase a situación do resto das maiores subcontratas de Telemárketing en Galiza.
Máis dun millar de persoas traballan no centro de atención de chamadas da multinacional Bosch na cidade de Vigo. A empresa xa comunicou que está abrindo un novo centro de traballo en Arxentina que dará servizo ás empresas principais que actualmente se atenden dende Galiza.
A mesma situación atravesa a empresa Eurocen en A Coruña, que dá emprego a un millar de persoas. A empresa comunicou que abrirá un centro de traballo en Uruguai.
Outra das empresas que se pode ver afectada é Unísono de Vigo, unha empresa que está ampliando o seu cadro de persoal nesta cidade, pero ten en marcha un novo centro de traballo en Chile que compartirá campañas co centro radicado en Galiza.
Ante esta situación, a CIG reclama da Xunta de Galicia que os apoios amosados en diversas ocasións polo pleno do Parlamento galego ás traballadoras e traballadores do sector de Telemárketing, se demostren coa posta en marcha dunha serie de medidas que permitan garantir os 8.000 postos de traballo en Galiza.
1. En primeiro lugar a CIG reclama a creación dunha Axencia Galega de Protección de Datos, como xa existe noutras comunidades autónomas. Deste xeito a Administración pública galega tería dereito estar representada na Axencia Estatal de Protección de Datos que é a que en última instancia autoriza a transferencia de datos dos clientes a terceiros países e, polo tanto, a deslocalización.
2. Garantir o dereito dos consumidores e consumidoras galegos a ser atendidos no seu idioma, co fin de avanzar na normalización lingüística, pero tamén para obrigar ás empresas a manter os centros de atención de chamadas en Galiza. O noso idioma ten un valor engadido na defensa dos postos de traballo no sector de Telemárketing.
3. Enlazando co punto anterior, a CIG estima necesaria a posta en marcha dunha campaña por parte da Xunta de Galicia para que a cidadanía faga efectivo o seu dereito a usar o galego na súa relación coas empresas como garantía do mantemento dos postos de traballo no país.
4. Creación dunha Mesa sectorial na que estea presente a Xunta de Galicia, as empresas e a representación sindical, que permita abrir un diálogo involucrando á Administración autonómica na procura de medidas conxuntas que permitan manter os postos de traballo.
5. Esta Mesa sectorial debería revisar a actual política de subvencións a este tipo de empresas; cabe lembrar que a maior parte das empresas que optaron pola deslocalización foron beneficiarias de subvencións da Administración galega por creación de emprego, sen que finalmente cumpriran os requisitos establecidos.
Para a Confederación Intersindical Galega esta folga dá inicio a unha etapa de maior conflitividade no sector de Telemárketing despois de que a nivel estatal fora asinado recentemente un Convenio Colectivo que mantén a precariedade e os baixos salarios sen que, por outra banda, exista un compromiso claro de mantemento do emprego.
Fonte: CIG.[Voltar ao inicio desta nova]