Baixo o lema “Pola autodeterminación, non á constitución española”, a manifestación partiu pasadas as 12:30 da Vía Norte da cidade, e rematou ás 13:45 horas na praza da Princesa.
Neste lugar, Pilar González e Paulo Parga leron o manifesto da marcha, no que se destaca o carácter imposto da constitución española e se reivindica o dereito á soberanía galega. A manifestación finalizou, unha vez lido o manifesto, co canto do himno nacional. Despois de ter rematado, uns encarapuchados fixeron aparición cun retrato realizado en madeira do monarca español Juan Carlos de Borbón que procederon a queimar. Ás dúas e media da tarde, boa parte dos participantes na marcha realizaron un xantar de convivencia no Centro Social Faísca.
O éxito da manifestación ten especial significado ao tratarse dun acto realizado fóra da capital do país, que adoita ser o escenario para as reclamaçons soberanistas. O feito de sacar a reivindicación alén dos límites de Compostela está motivado polo obxectivo da Causa Galiza de realizar unha campaña pedagóxica intensiva para socializar o significado e necesidade do dereito de autodeterminación e reivindicar o seu recoñecemento e exercicio. Neste sentido, a plataforma, na que conflúen as distintas sensibilidades comprometidas coa soberanía de Galiza, está a impulsar neste momento a súa estrutura comarcal e local por todo o país.
Todas as persoas, colectivos e organizacións políticas adheridas á Causa Galiza coinciden no rexeitamento da constitución española xurdida da reforma do réxime franquista, que é o cadro xurídico, político e administrativo para a opresión de Galiza e a explotación do pobo traballador. Por iso, insistimos de novo na reivindicación elemental da soberanía galega, sen ceder nin un milímetro na exixencia da autodeterminación como única garantía democrática frente á imposición constitucional. O recoñecemento deste dereito é unha garantía fundamental dun futuro de liberdade e xustiza social, porque sen autodeterminación non pode haber democracia.
Causa Galiza foi apresentada publicamente o pasado 14 de Xullo en Compostela. No día da Patria reuniu máis de dúas mil persoas na manifestación que organizou a favor do dereito de autodeterminación. [Voltar ao inicio desta nova]
Causa Galiza
www.causagz.org