ACE EXIXE A ANULACIÓN DO PROXECTO DE MARINA ATLÁNTICA E CAIXA NOVA EN CANGAS

ACE exixirá en pleno a anulación do proxecto de Marina Atlántica e Caixanova

AlternativaCanguesa de Esquerdas

A Alternativa Canguesa de Esquerdas anunciou onte publicamente que esixe aos demais socios do goberno municipal de Cangas o cumprimento dos acordos de goberno. Esta iniciativa vén dada polo anuncio da Promotora Residencial Marina Atlántica, da que é principal accionista Caixanova, que manifesta a clara intención de retoma-las obras do porto deportivo en Massó a cargo da empresa construtora Puentes y Calzadas. Desta intención unilateral despréndese que quedan rotas as conversacións que pretendían atopar unha solución á discusión que se refiren ó proxecto a realizar no Salgueirón...

ACE e moitos veciños non entendemos como se pode obviar e permir que unha obra, que comete serias irregularidades, infrinxe a lei e que é daniña para o desenvolvemento socio-económico da vila, se leve adiante co consentimento de Autoridade Portuaria, Xunta e co visto e prace dos socios de goberno. Lembremos que as irregularidades no proceso administrativo son claramente manifestas, tanto na parte portuaria como en terra, polo que xa hai media ducia de denuncias xudiciais e un par de contenciosos interpostos pola confraría de pescadores. Así e todo, parece que as empresas especuladoras pretenden condicionar e marca-los tempos do PXOM que aínda non está enriba da mesa e, en todo isto, sobresae un claro intento de Caixanova de gobernar Cangas.

Temos que dicir, tamén, que o novo proxecto que vén anunciando na prensa a promotora responde a unha intención de suavizar levemente o impacto negativo do mesmo pero que non deixa de ser a mesma obra agresiva e nefasta para o noso entorno. Hai que ser conscientes de que existen alternativas para a zona, polo que en breve presentaremos unha proposta para demostrar que a zona pode ser recuperada para o pobo de Cangas.

Queremos deixar rotundamente claro que no caso de que Marina Atlántica retome as obras nos vindeiros días, volverase a proceder a paraliza-las obras e a deita-lo noso apoio ó Foro Social con tódas consecuencias, así como a promove-la mobilización para impedi-la marbellización e que se venda Cangas ó mellor postor.

Por iso, ACE, acaba de apresentar unha moción ó pleno do día 11 de xaneiro que pide a anulación de todo o proxecto e chamamos ós veciños a acudir o xoves día 10 a unha asemblea informativa que convoca o Foro Social na Casa da Cultura ás 19:30 horas.

Voltar ao inicio desta nova