10 DE MARZO: DIA DA CLASE OBREIRA GALEGA

Conmemoramos máis unha vez o Día da Clase Obreira Galega. Como povo traballador que somos, é esta unha data enormemente simbólica no noso calendario, unha xornada de reivindicación, de loita, mais tamén de esixencia con nós mesmos.

O 10 de Marzo ten a súa orixe nos feitos acontecidos en Galiza, e máis concretamente no Ferrol en 1972. Nesta cidade, a represión policial sobre os traballadores da Bazán rematou con dous mortos (Daniel e Amador) e numerosos feridos entre os milleiros de obreiros manifestantes. A lembranza destes asasinados que homenaxeamos cada ano é o xérmolo da conmemoración deste dia tan arraigado entre a Clase Obreira Galega e as súas organizacións sindicais e políticas.

Hoxe, coma onte, ao falarmos da situación actual da clase obreira galega, non podemos esquecernos de termos coma "explotación", "desigualdade" "emigración" ou "precariedade". Nos últimos anos, as chamadas reformas laborais dos sucesivos gobernos do Estado Español ao servizo da oligarquía e da grande patronal, foron recurtando direitos aos traballadores e traballadoras, fóronse abaratando os despedimentos e facilitando cada vez máis a opresión do capital e as represalias da patronal sobre sobre parte máis consciente dos/as asalariados/as, foise dificultando a laboura sindical e a defensa dos dereitos dos/as traballadores/as, foise agrandando o desequilibrio entre empresa e traballador, fóronse multiplicando os beneficios de bancos e multinacionais ao tempo que recurtando poder adquisitivo da clase obreira e o conxunto dos traballadores, que en Galiza somos a inmensa maioría. E, todo hai que dicilo, en moitos casos co consentimento e apoio dos sindicatos maioritarios, especialmente CCOO, que era o sindicato de Daniel e Amador (como cambian as cousas!!), así como da UGT.

Temos que exixir todos os días, e de xeito máis enérxico neste 10 de Marzo, o noso direito a ter unha voz propia que, coma noutros eidos da vida, nos permita decidir por nós mesmos. Máis traballo digno e estabel na nosa terra, especialmente para a nosa mocidade que se ve na obriga de emigrar masivamente, contratación indefinida, garantías laborais e salariais, prestacións sociais xustas e dignas (as nosas pensións seguen a estar á cauda de Europa), liquidación da subcontratación e das ETTs explotadoras, o aumento do poder adquisitivo e dos salarios até, como mínimo, o nivel medio do Estado borbónico ao que agora, infelizmente, pertencemos.

Non podemos deixar de lembrar por último que, hai agora perto de dous anos, o sector do metal protagonizaba unhas xornadas de loita na reivindicación dos seus dereitos sendo Vigo o principal foco de tensións. Tamén en Vigo, naquel ano terribel de 1972, a clase obreira se erguera heroicamente contra o fascismo e a explotación, mais, coma naquel ano de 1972, a resposta policial voltou a ser desproporcionadamente violenta e brutal.
As organizacións de clase temos que reflexionar sobre o que mudou e que aínda está por facer. [Voltar ao inicio desta nova]