Asistimos, nestes últimos meses, a un discurso ameazador que relaciona un suposto caos social coa liberdade das mulleres, co noso estatus de cidadás en igualdade e cos dereitos conseguidos até agora. E dos discursos preténdese pasar aos feitos. Así xa se fixo, abrindo procesos xudiciais a mulleres que se acolleron á Lei do Aborto, demostrándonos que esta lei é insuficiente para protexer e garantir o noso dereito a decicir, e nos deixa desprotexidas ante a reacción machista. Políticos conservadores, para a nosa intranquilidade, aseguran que se gañan as eleccións van facer cumprir a Lei do Aborto. E dicer, haberá máis mulleres enxuiciadas, máis clínicas fechadas e máis obxección de conciencia na sanidade pública. Os discursos non paran aí. Fálase do divorcio como un mal da nosa sociedade e descúlpase a violencia machista por falta de paciencia e capacidade de sacrificio das mulleres.
Para o noso asombro, estes políticos, coreados pola Conferencia Episcopal, falan de negar os dereitos humanos, o dereito á igualdade, a lesbianas e gais, intentando impoñer un modelo único de familia. Ademais, o racismo tinxe este discurso que pretende que recuperemos o medo á liberdade de épocas escuras, de exclusión e sufrimento para as mulleres. A situación é grave porque falamos da institución relixiosa con máis poder no noso país e dunha forza política maioritaria.
A Marcha Mundial das Mulleres recolle moitos anos de experiencia de loita feminista de todas partes do planeta. É por iso que sabemos que cando soan tambores anunciando pasos atrás, retrocesos na conquista dos nosos dereitos, o mellor xeito de facerlles fronte é a denuncia, a organización e a mobilización. Este 8 de Marzo estaremos presentando autoinculpacións de ter abortado nos xulgados das sete cidades galegas. Facémolo para mostrar a nosa solidariedade coas mulleres enxuizadas, para denunciar unha lei que non garante o noso dereito a decidir. Estaremos organizando, ao longo da xeografía galega, actos de denuncia e toma de conciencia, do que nos xogamos se nos arrebatan o que levamos conseguido. Estaremos visibeis, ocupando os espazos públicos. Estaremos unidas ao resto das mulleres do planeta que senten a necesidade de cambiar o mundo para cambiar a vida das mulleres, e que hai que cambiar a vida das mulleres para cambiar o mundo.
Se queres sumarte á nosa resposta contra a reacción machista consulta www.feminismo.info
NIN UN PASO ATRÁS! AS MULLERES NON PODEMOS PERDER DEREITOS
ACTOS PROGRAMADOS PARA O DÍA 8 DE MARZO
Entrega de autoinculpacións nos xulgados das sete cidades ás 13 h.
-Pontevedra: Concentración ás 20 h. na Praza 8 de Marzo.
-Vigo: Manifestación ás 12 h. con saída da Praza 8 de Marzo.
-Ourense: Concentración ás 13 h. diante do Xulgado.
-A Coruña: Concentración ás 12 h. na Praza de Catro Camiños.
-Ferrol: Concentración ás 12 h. diante do Xulgado (R/ Coruña).
-Compostela: Entrega de autoinculpacións no Xulgado ás 13 h[Voltar ao inicio desta nova]