Os gandeiros que se manifestaban contra a caída do prezo do leite racharon ao mediodía o cordón policial e entraron na fábrica de Puleva.
Despois, como dixo diante dos medios un dos participantes na protesta “coa Policía non houbo problema, porque senón pasamos por riba deles”...
“Perto de dous milleiros de manifestantes”cortaron o tránsito na estrada Nacional VI e despois dirixíronse á porta principal da factoría de Puleva en Nadela. Alí, nunha acción “espontánea”, desbordaron aos policias e, unha vez no interior da fábrica, botaron polo chan cartóns de leite e outras cousas. Os manifestantes abandonaron despois o recinto da fábrica para dar por concluída a mobilización.
Fontes do Sindicato Labrego Galego advirten que se as empresas do leite non atenden as súas reivindicacións “vai haber máis protestos nos próximos dez días”.
Reivindicación dos gandeiros
Os gandeiros protestan por unha “baixada unilateral” de até 6 céntimos por litro por parte dos empresarios nas últimas semana. Trátase dunha caída dun 13%, pois o prezo medio actual ronda os 0,45 por litro. Polo contrario, o prezo que paga o consumidor final aumentou máis dun 20% no último ano.
A miúdo enfrontados, os tres grandes sindicatos do agro -Sindicato Labrego Galego, Xóvenes Agricultores e Unións Agrarias (UU.AA.)- uníronse desta vez para loitar contra os empresarios, que están a baixar o prezo que lle pagan aos gandeiros polo leite. E non se fican nas palabras, senón que organizarán “actos puntuais contra as industrias” nesta mesma semán.
Non en tanto, os sindicatos descartan polo de agora grandes protestas como tractoradas “dado que estamos en época electoral”. Agora ben, o dirixente sindical Xavier Igrexas advirte que “non desbotamos ningún tipo mobilización” despois do 9M.
As tres organizacións falan dunha “baixada unilateral” de até 6 céntimos por litro. Trátase dunha caída dun 13%, pois o prezo medio actual ronda os 0,45 por litro.
Os gandeiros alertan que rebaixas así “dinamitan” a Mesa do Leite, órgano sectorial no que participan gandeiros, industrias e administracións.
Para cando o grupo galego?
Ademais, din que “este tipo de situacións amosan que é máis importante que nunca a criación dun grupo lácteo galego propio e potente” e coidan que a existencia do esperado grupo lácteo serviría para trabar as baixadas dos prezos que prexudican á precaria economía dos gandeiros do país.
Un sector en crise dende o ingreso na CEE
Máis de 60.000 explotacións gandeiras desapareceron no país dende 1993. Na actualidade unicamente sobreviven 14.000 granxas leiteiras.