UNHA LOUSA SOBRE O COUREL

Ao achegarse ao Courel percíbese por que este é un lugar emblemático de Galiza. Non hai que ser un entendido para decatarse de que a Natureza se mostrou magnánima con estas terras, ás que dotou dunha biodiversidade única, na que se amalgaman especies mediterráneas e atlánticas nunha singular simbiose na que todas teñen importancia: castiñeiros, sobreiras, maceiras, nogais, aciñeiras…, mesturadas para, dende as alturas, ao pé dos castros, vixiar atentas o fondo cavorco por onde discorre alegre o río Lor.

Equilibrio

Os nosos antergos participaron dese equilibrio, xa que foron eles os que coas súas mans, tenacidade e constancia modelaron a paisaxe para adaptala, aos poucos, sen romper a harmonía, ás súas necesidades de subsistencia: aproveitaron o mel, as castañas, a leña para quentarse nos longos e fríos invernos, roturaron pastizais para o gando, practicaron a caza e a pesca…, e foron eles os que construíron alvarizas para protexer o mel da cobiza do oso, castros no alto das ladeiras para defenderse dos ataques dos invasores… E sempre, sempre, aproveitando os recursos que a Natureza lles ofrecía.

Equilibrio

Durante anos O Courel ficou esquecido. Diferentes gobernos foron deixando esta terra á marxe de calquera planificación para o seu desenvolvemento. A vida fíxose dura no Courel, e unicamente a tenacidade das súas xentes mantivo vivo este santuario para as seguintes xeracións. Foron eles e só eles os que loitaron para sobrevivir no esquecemento, e son eles os que, sen rencor por tanto desleixo, abren as súas portas e nos permiten gozar dese lugar privilexiado. A pesar do illamento, ou tal vez debido a el, os coureláns son xentes nobres e loitadoras, acolledores cos visitantes e dispostos a mostrarlles as marabillas forxadas para todos nós entre a Natureza e os antergos. Por iso moitos consideran O Courel como o Santuario Natural de Galiza.

Equilibrio

O que antano supuxo o gran atraso para O Courel podería ser agora unha vantaxe ao ofertar aos habitantes das devoradoras urbes, fartos de asfalto e de cemento, un anaco de Natureza virxe, de acougo relaxante, poñendo en valor unha cultura secular e permitíndolles aos seus habitantes unha vida de traballo digno, coa explotación racional de recursos, o mel, a carne, o souto, o turismo, a artesanía…, o que supoñería, ao tempo, unha xusta redistribución da riqueza. A culminación lóxica deste proceso sería a declaración de Parque Natural para O Courel, ou cando menos así o pensabamos moita xente en Galiza, confiando en que así o levasen a cabo os partidos da esquerda.

Desequilibrio

Que trabucados estabamos! Co bipartito afianzouse o invasor, o neoliberalismo económico que, baixo o disfrace de progreso e creación de riqueza, impón as súas regras: beneficio para poucos, moi poucos; e durísimas condicións de traballo para os máis. Deste xeito, empresas como Cupa Group –na que participa Caixa Galicia cun 20%– destrúen as posibilidades de futuro do Courel para obteren grandes beneficios económicos na explotación mineira máis depredadora –só se aproveita un 5%: o resto é refugallo– e xogan con promesas de postos de traballo autenticamente escravizantes e sen futuro, que só van durar mentres haxa materias primas –que, por certo, son innecesarias xa que se trata de pedra ornamental, na súa maioría destinada á exportación.

Como escribiu Novoneyra: Eiquí síntese ben o pouco que é un home.

Henrique Banet*

(26 de Febreiro do 2008)

*(Autor do documental con título do mesmo nome)
[Voltar ao inicio desta nova]