PRESIDENTE DE "PUENTES Y CALZADAS": A CARA OCULTA DA ESPECULACIÓN

"PUENTES Y CALZADAS" AMEAZA CO COMEZO INMINENTE DAS OBRAS DO PORTO DEPORTIVO NO SALGUEIRÓN-CANGAS

Cangas non se Vende

A Constitución española, artigo 47 di: Tódolos españois teñen dereito a desfrutar dunha vivenda digna e axeitada. Os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para faceren efectivo este dereito, regulando a utilización do solo de acordo co interese xeral para que se impida a especulación.

Especulación:

Mercar barato, recualificar mediante influencias políticas, vender caro.

Que está a facer José Manuel Otero en Cangas?

Mercou unha importante participación nas empresas que se fixeron cos terreos da antiga conserveira Massó Hermanos SA, considerada como a conserveira máis grande de Europa, estes terreos están cualificados actualmente como industriais, pero unha operación especulativa xa tentara recualificalos en residenciais de luxo a traveso dun convenio asinado co anterior alcalde de Cangas, Enrique Sotelo, do PP. Esta recualificación foi abortada pola mobilización popular xunto co Plan Xeral que promovía Sotelo e a súa camarilla de promotores afíns.

Pero o caramelo é demasiado goloso e nun segundo ataque, se tentou forzar a recualificación mediante o inicio das obras dun porto deportivo que incluía o convenio e que fora tramitado irregularmente pola Autoridade Portuaria de Vigo. Estas obras foron impedidas polo inicio de múltiples causas xudiciais e a acción pacifica de mariñeiros e veciños de Cangas.

Este conflito pasou factura a Enrique Sotelo e o goberno se trasladou a mans dun tripartito que no seu acordo de goberno se opón ao porto deportivo e traslada a decisión sobre os terreos en terra ao Plan Xeral que esta nas súas fases de inicio.

Este é o momento no que aparece Jose Manuel Otero, ameazando directamente co reinicio de obras do porto deportivo e manobrando cos distintos grupos do goberno para tentar obter a pretendida recualificación. Nunha primeira fase, presenta como concesión ambiental a redución da lámina de mar ocupada, pero curiosamente mantendo os mesmos postos de amarre, se supón que a traveso de dragados en rocha, e sen presentar proxecto nin autorización algunha para esta modificación. E realizando un ataque mediático a traveso de follas a toda plana nos diarios provinciais.

Actualmente mantén a data do 24 de marzo ou algún dos días seguintes coa ameaza de inicio de obras e de intervención policial no caso de que alguén se opoña. E declara abertamente que non pode agardar seis anos para iniciar as obras en terra, que é o que lle levaría no hipotético caso que o Plan Xeral decidira a recualificación. Prepotencia en toda regra.

Influencias políticas sabemos que manexa. Conseguirá burlar as múltiples causas xudiciais, a lei dos 500 metros, a oposición cidadán, a da Confraría que ve en perigo unha importante zona de cría e caladoiro e olla o absoluto desprezo das administracións a súas autorizacións?

É posible que os cartos da especulación podan tapar tantas bocas e mover tantos fíos?

Aquí nos ocuparemos de mostralo nos seus máis pequenos detalles. [Voltar ao inicio desta nova]