OLEIROS: FOI INAUGURADO O MONUMENTO AO CHÉ GUEVARA

Máis de 500 persoas estivemos presentes na inauguración do monumento dedicado ao guerrilleiro Ernesto Che Guevara na Vila de Oleiros, con motivo do 80 aniversario do seu nacemento.

A escultura, duns 5 metrtos de altura, 1,5 de ancho e 4 de largo, ficou erixida na chamada rotonda Nirvana, na mesma Avda Ernesto Ché Guevara, en Bastigueiro, no concello de Oleiros.

A obra consiste en dúas grandes pezas que vista de fronte forman a célebre imaxe do retrato realizado ao líder guerrilleiro polo fotógrafo Alberto Korda no ano 1960.

Trátase dunha fermosisima obra, que foi descuberta en presenza de Camilo Guevara, o fillo do Che e dos seus constructores, tamén presentes, os artistas cubanos Juan Quintanilla e Karoll William (gañadores do concurso realizado no Instituto Superior de Arte de Cuba a instancia do Concello de Oleiros). Ademáis, estaban presentes: o conselleiro cultural da embaixada cubana en España, Luis Toledo, e os cónsules xerais de Cuba en Santiago de Compostela, Alejandro Fuentes Hernández e de Venezuela en Vigo, David Nieves. Asistiron tamén compañeiros/as da solidariedade internacionalista, da Asociación de Amizade Galego Cubana “Francisco Villamil” e representantes de forzas políticas da esquerda e dos comunistas galegos, entre os que estaba unha delegación de varios camaradas do moso partido: o PCPG, así como da FPG, etc.

Despois dunha fermosa e comprometida introducción da xornalista e presentadora da TV Maria Tareixa Navaza, o Alcalde Ángel García Seoane, salientou a vida e obra do Guerrilleiro Heroico, loubando o seu labor como combatente e dirixente da Revolución cubana, as súas acheguas á loita dos povos e dos traballadores contra a opresión e o seu papel nas guerrillas de África e Bolivia, antes de ser asasinado nese país latinoamericano en 1967.

Fronte a un grupello de provocadores, que non pasaba de 8 ou dez fascistas e gusanos, que trataron ridiculamente de boicotear este acto, o compañeiro Gelo díxonos: "ben vindos ao territorio libre de Oleiros, os fachas non teñen nada que facer aquí!", e reclamou despois “exércitos de homes e mulleres que loiten por manter vivo o legado do Che”, criticou ao “Tío Sam” e ás “falsas democracias que promoven cruzadas coa escusa do terrorismo internacional para aniquilar aos povos”.

Así mesmo, expresou a súa solidariedade con Cuba fronte á hostilidade de Estados Unidos e reclamou a liberación dos cinco loitadores antiterroristas cubanos presos inxustamente desde fai case 10 anos nos cárceres de Estados Unidos. [Voltar ao inicio desta nova]