Por volta de dúas mil cincocentas persoas acudiron este 25 de Xullo, á manifestación convocada pola Causa Galiza, a única que no Día da Patria reclamou a autodeterminación para o país.
O número de participantes, que superou longamente a asistencia do ano pasado, dá mostra do medre da implantación da nosa plataforma soberanista, que continúa a sumar apoios populares na súa defensa unitaria dos dereitos nacionais da Galiza.
Co lema “Soberanía Nacional” na faixa, portada por diferentes membros da portavocía, a marchada Causa Galiza saíu pouco despois das 13:30 horas da Alameda compostelá, para rematar na Praza do Toural, despois de percorrer varias rúas da capital.
Nesta praza, Berta L. Permui presentou un acto político no que Charo Lopes comunicou os distintos saúdos de delegacións internacionais e Pedro Alonso deu lectura ao manifesto, que destacou o dereito de autodeterminación e a loita contra o capitalismo como eixos das solucións aos problemas que sofre o país. Tamén houbo unha lembranza para o falecido militante comunista e patriota Ramom Muntxaraz, que foi respondida cunha ovación do público.
Como dí no seu manifesto, Causa Galiza entende que a consecución do recoñecemento legal da nosa realidade nacional e dun grao de benestar só é posíbel a partir dun cadro xurídico-político propio. Un cadro que resolva as carencias, eivas e impedimentos que a relación subordinada ao Estado español proxecta sobre as nosas posibilidades reais de desenvolvemento social, económico e cultural.
A Galiza ha de ser unha das nacións onde maior incidencia terá a crise do sistema capitalista neoliberal. Carente dunha estrutura económica autocentrada, sobre a nosa terra proxectase novamente con insistencia a sombra da especulación, do urbanismo sen control, do uso e abuso do noso litoral, da aplicación de políticas enerxéticas megalómanas, da perpetuación, en definitiva, da nosa condición subalterna e de pobo oprimido.
Tórnase máis necesario que nunca asumir e espallar unha conciencia crítica a respecto da realidade que nos rodea. Denunciar activamente as desigualdades sociais que presenta o omnipotente e omnipresente capitalismo, como sistema económico que ten, ademais, nas súas raiceiras a responsabilidade da privación da nosa soberanía, após máis de cinco séculos de opresión nacional.
Cómpre asumirmos a volta a unha resistencia activa e firme da nosa lingua, cultura, territorialidade, medio natural... como cerne dun proceso real de afirmación e autodeterminación nacional. Debemos, pois, enarborar unha vez máis a bandeira da estrela vermella. [Voltar ao inicio desta nova]