Leopoldo García Ortega, presidente de honra da Asociación Viguesa pola Memoria do 36 foi unha referencia indispensabel para comprender a dura vida da resistencia antifranquista.
Foi amigo e compañeiro entrañabel e leal de moitos dos que seguimos a traballar no movemento republicano e na memoria antifascista. Algúns dos nosos camaradas organizamos e participamos con el en actos, por veces multitudinarios, fundamentalmente na comarca de Vigo e o Morrazo e até os últimos dias da súa vida(que pasou nunha residencia de ancians próxima de Vigo) algúns comunistas dos que formamos parte deste partido, o PCPG, compartimos longas e agradábeis conversas, e tivemos o privilexio de gozar do seu afecto e amizade.
Coñeceu o cárcere e o exilio, a terribel situación de perder a un irmán fusilado polas tropas traidoras do franquismo; estivo en Asturias e participou na lendaria folga da Felgera e asisteu a unha escola racionalista; fundou en Vigo, e traballou duro, nunha empresa que fabricaba viguetas, "Viguetas Orte", e foi o fundador dun colexio "Curros Enriquez", que logo pasaría a chamarse "Alborada", perto de Peinador.
Procedente das fileiras libertarias, militara na CNT e integrousese posteriormente na UGT clandestina, cando Llopis pasou a presidila. A meirande parte do seu traballo e loita clandestina foi en Galiza, concretamente en Vigo a onde chegara, procedente de Valladolid, a súa querida terra natal, en 1955 sendo con Paco Osorno durante bastante tempo, probabelmente, un dos únicos militantes organizados no PSOE que había en Galiza. Por entón, os socialistas galegos organizábanse no Partido Socialista Galego (PSG) que lideraba Beiras Torrado e no Movemento Socialista de Galiza (MSG) que trataban de organizar coa vocación de propiciar a unificación de todos os socialistas de Galicia e pechar o paso ao centralista e xa claudicante PSOE de Felipe González “Isidoro” dominado polos andaluces e madrileños.
Foi a conciencia crítica e insobornábel, baseada nos principios, deste partido en Galiza e poucos anos máis tarde, no 1979, cando se achegaban as primeiras eleicións municipais e o PSOE vigués celebraba a súa asemblea local na que se decidía o seu candidato á alcaldía, Leopoldo García Ortega abandonaba o antigo Teatro-Cine Tamberlik, que acollía a asemblea, cunha frase lapidaria nos seus beizos ao alcance de quen quixese escoitala: "¡Cando os chourizos entran no PSOE, os socialistas saímos del!". A asemblea nomeara a Manoel Soto Ferreiro candidato á alcaldía de Vigo.