GALIZA NON SE VENDE ESIXE A DESTITUCIÓN DOS RESPONSÁBEIS DA DEGRADACIÓN DO TERRITORIO

Xa van tres anos dende as últimas eleccións para o Parlamento Galego. O troco político que se produciu en Galiza pareceu, naquel momento, esperanzador. Pero ó transcorrer do tempo, os feitos, as promesas incumpridas, as políticas realmente desenvolvidas polo novo Goberno mostraron, e mostran, que tal cambio non existe, que nunca existiu. Só hai novas persoas repetindo as mesmas políticas de sempre. Cunha diferenza: un sistema económico irracional, depredador e globalizado exerce sobre o noso territorio e sobre a nosa cultura identitaria unha presión máis forte que nunca.

E a nova administración, en vez de asumir as súas responsabilidades co País, móstrase feble e servil cos grandes grupos de poder económico e político. E mostra o mesmo desprezo pola democracia participativa que as administracións anteriores. E a mesma incultura e falta de ética territorial, social e ambiental. E no fondo, o mesmo ideario.

O resultado é unha degradación nunca antes coñecida, pola súa magnitude e pola súa rapidez, do medio ambiente e da paisaxe, dos conxuntos urbanos e rurais, do patrimonio histórico e da paisaxe cultural. Un proceso que destrúe, cun ritmo aínda superior aos das etapas anteriores, o territorio, os ecosistemas e a biodiversidade, a paisaxe identitaria, a nosa memoria cultural e a das xeracións vindeiras. Un proceso que destrúe, en suma, a identidade mesma do País.

Os plans e estratexias que se están a deseñar lévanos cara a unha Galiza fortemente urbanizada e co rural abandonado, eucaliptizada, furada por canteiras e infraestruturas e coa costa inzada de portos deportivos, urbanizacións e instalacións de piscicultura que nada ten que ver coa Galiza que coñecemos, e que desexamos que perviva, racionalmente actualizada e mellorada, evidentemente, non somos escravos do pasado.

Dende Galiza Non Se Vende non queremos facer acusacións vagas. Non son o sistema, unha administración nin un partido os culpables: son persoas concretas que están a traizoar as promesas que fixeron, que están a utilizar o seu posto nas administracións para favorecer intereses privados, concretos, específicos, en contra do interese xeral, incumprindo a lei e transgredindo os seus regulamentos.

A compra de vontades, a retribución aos medios de comunicación afíns ao poder e a ineficiencia ou permisividade da xustiza han de ter un límite. E o pobo, a cidadanía, asume a responsabilidade de dicir: xa está ben, non enganades a ninguén, solicitamos a vosa destitución e a depuración das vosas responsabilidades polos actos cometidos.

Dirixímonos aos órganos da que debera ser lexítima representación popular, aos plenos dos concellos, ao pleno do Parlamento de Galicia, ao pleno das Cortes Generales e ao pleno do Consejo del Poder Judicial.

Solicitamos a destitución dunha serie de cargos que consideramos responsables das negativas políticas que mencionamos. Son persoas concretas, están a incumprir os cometidos para os que foron nomeados e podémolo demostrar. Como cidadáns que somos reclamamos unha xusta resposta a nosa petición dende os órganos de representación popular.