Co lema de "Independencia e Socialismo" que mantén desde a súa fundación no ano 1988, a Fronte Popular Galega celebrou este sábado dia 5 os seus primeiros vinte anos de vida. O acto transcurreu na carballeira de Aldán-Cangas e a el asistimos convidadas outras organizacións e coletivos sociais , culturais, sindicais e políticos de toda Galiza, entre os que nos atopamos unha representación do C.N do PCPG. O acto foi apresentado pola actriz, camarada e militante da FPG Mónica Camaño e no mesmo interviron, entre outros Xosé Luis Méndez Ferrin, Mariano Abalo e Xurxo Martinez, o membro máis xoven do Cté Central desta organización irmá galega. Os intervintes incidiron nos principios de clase, comunistas e patrióticos da FPG e reafirmaron a súa critica do sistema monárquico, constitucional e autonómico que impide o libre desenvolvemento de Galiza como povo e como nación, reafirmando a súa defensa irrenunciábel dos principios do socialismo e da Autodeterminación fronte ás "décadas e séculos de opresión, colonialismo económico, cultural e político" que padecemos como povo, pronunciándose por unha reformulación da esquerda anticapitalista, soberanista e nacional, fronte ás desviacións continuadas por parte dos núcleos hexemónicos da esquerda histórica, especialmente da maioritaria ou nacionalista, que algún dos intervinte cualificaron como "nacionalismo unionista". Centos de persoas asistiron a este acto que rematou con unha cea campestre de confraternidade e que foi amenizado por músicos e gaiteiros, entre o que se destacou o artista Leo i Arremecághona. O Comité Nacional do PCPG agradece o convite e congratúlase moi sinceramente de estar presente neste importante acto, ao que transmitimos os nosos máis calorosos e fraternos saúdos para todos e todas os camaradas, amigos e amigas que asistiron á Festa do 20º aniversario da Frente Popular Galega. [Voltar ao inicio desta nova]