SÓ A MOBILIZACIÓN POPULAR PODERÁ FREA-LA AGRESIÓN NEOLIBERAL

SÓ A MOBILIZACIÓN POPULAR PODERÁ FREA-LA AGRESIÓN NEOLIBERAL

Carlos Dafonte

A agresión contra dos traballadores asalariados do estado español e da Unión Europea, é cada vez máis patente.

Pero vai medrar, PSOE e PP, Rajoy no congreso partidario recen clausurado ofreceulle todo o apoio ó goberno para “saír da crise”, prepáranse a unir forzas e tomar medidas en favor dos máis poderosos, neste momento en que a recesión económica golpea os seus intereses; no sistema capitalista, os asalariados que somos a maioría da poboación, padecemos constantemente de situacións de crise, unha veces porque a economía vai ben e debémonos apreta-lo cinto para que siga así, e outras, cando as cousas van mal para supera-la crise na que nos meteron. E non podía ser doutro xeito nun sistema baseado na explotación dunha maioría por parte dunha minoría.

O Banco Santander vai ter máis de 10.000 millóns de euros de beneficio para o exercicio de 2008 e ninguén lle pide sacrificios. O mesmo ocorre co resto da empresas transnacionais, petroleiras, eléctricas, roupa, etc. Aínda estou por coñecer a un goberno que lles pida sacrificios, mellor dito que lles esixa sacrificios, por exemplo que parte dos seus beneficios os invertan en creación de emprego, rebaixando o número de horas traballadas por semana sen redución salarial.

Todas as medidas que o goberno vai tomando, din que para palia-la crise, están orientadas a mante-lo marxe de beneficio das grandes empresas, sobre todo daquelas que maior plusvalía acadaron nos derradeiros anos. As construtoras poden estar satisfeitas cun goberno que se convirte en inmobiliaria para tentar vende- los stock de difícil venda, despois do pinchazo da burbulla do sector, e das dificultades para acadar unha hipoteca por parte de posibles compradores. Construtoras que agora trasladan os seus negocios a África, Asia e países de Europa do leste, onde teñen mercados millóns de metros cadrados de superficie. E nalgúns casos acolá pechan as empresas sen oposición algunha, e sen que se lles esixa nada, ¡¡como se non fora co noso suor e comprando a nosa forza de traballo a prezos de miseria como obtiveron esas plusvalías!!.

E nesta situación atopámonos cun goberno que defende uns intereses de clase moi definidos, con algúns ministros que fan declaracións situadas no campo da estulticia, que tenta soluciona-lo problema dunha posible protesta ofrecendo 400 euros para estimula-lo consumo, que só cobrarán unha parte dos cidadás e non precisamente os máis necesitados a nivel económico; un goberno que pasou meses falando dun “colchón ante-crise” que agora recoñecen gastado en máis dun 80%, e aínda non entramos de cheo no proceso.

As últimas noticias aparecidas nos medios non presaxian nada bo para a nosa clase: goberno, empresarios e os dous sindicatos maioritarios no estado, xuntos, no Palacio da Moncloa. Estas xuntanzas sempre foron o limiar de medidas contra os nosos intereses.

E da Unión Europea tampouco debemos esperar nada; a aprobación das 65 horas semanais e da Directiva sobre “Procedementos e normas comúns para o retorno...”, coñecida a nivel popular como a “Directiva que crea campos de concentración” para os sectores da clase obreira procedente doutros países, indican que os neoliberais que nos gobernan no estado e na U.E., están dispostos a conculcar os dereitos humanos máis elementais, para que os especuladores financeiros, os grandes emporios económicos, os branqueadores de cartos do narcotráfico e da venda ilegal de armamento, os garantes dos paraísos fiscais, os que especulan co petróleo e os alimentos, os que fan subir ó seu antollo a inflación e a utilizan no seu beneficio, os que controlan os organismos internacionais, Organización Mundial de Comercio, Banco Mundial, Fondo Monetario, etc, salgan indemnes da crise que eles xeraron. Os mesmos que están a xerar novas burbullas especulativas, agora co petróleo e os alimentos, como noutros momentos fixeron coas empresas tecnolóxicas, coñecidas como “ puntocom” e despois cos mercados inmobiliarios de diferentes países.

Os políticos a quen eliximos están manexados na grande maioría dos casos, por estes “poderes na sombra”, antidemocráticos, sen control que enchen Bruxelas con máis de 10.000 empresas, lobbys, que sobornan e dirixen a actividade política dunha grande parte de a quen nos lle damos o voto. Polo tanto a actual situación para máis do 80% das sociedade non ten saída se pensamos que os que gobernan na actualidade ou os que serven para alternarse con eles no poder, van facer algo por todos nós. Eles son copartícipes da actual crise e non deben saír politicamente indemnes da mesma.

Para os traballadores debía ter certa lóxica esixir ós gobernos que o peso da lei caiga sobre os que xeneraron esta situación ¿ou non hai responsables?. Pero ¿que lei?. A realidade é que as leis no sistema capitalista están a favor dos especuladores, dos axiotistas, están en suma ó servizo de quen fai posible a actual situación. Si sobre os bancos centrais non hai control político nin democrático e non corrixen as actuacións do capital especulativo é consecuencia de que un grupo de políticos así o decidiron. Políticos do PSOE e PP, no caso do estado español, polo que non debemos permitir que nos digan que “non poden facer nada pois depende de Bruxelas”; dous partidos que realizaron os seus congresos sen falar a fondo da economía, da crise, do paro, do endebedamento familiar, da suba dos prezos dos alimentos de primeira necesidade, etc., e esqueceron aínda que era a súa obriga plantearlle a quen piden os votos, as alternativas para saír da actual situación. E iso é así, porque a axenda económica do goberno e a oposición, diríxena os grandes grupos económicos.

Os asalariados debemos ter moi claras nestes momentos as seguintes cuestións: que a crise débela pagar quen a xerou e se isto non é así e recae sobre nós, é pola complicidade de quen goberna e a maioría das forzas de oposición. En segundo, que só a mobilización pode para-las agresións sobre a clase traballadora; pero unha mobilización que sabemos esta chea de dificultades pola posición dos sindicatos maioritarios a nivel de estado e da U.E. En terceiro que a actual crise pon en evidencia a magnitude da debacle da esquerda nos países do centro do sistema. En momentos en que compróbase, percíbese, por parte dunha grande parte da humanidade, que o capitalismo é un sistema corrupto, ineficaz, que só beneficia a unha minoría que se apropia da riqueza producida por todos, non aparece unha alternativa político-institucional ó sistema, nin hai o debate nas sociedades sobre que tipo de sistema debemos construir entre todos, que desplace o sistema capitalista e que permita un reparto máis equitativo da riqueza que hoxe producen os traballadores, que é moita. En suma hoxe é máis imprescindible, aínda que moitos o teñan esquecido, falar do socialismo e do comunismo, o que nos debe levar a organizar o debate ideolóxico -cultural, como unha das partes centrais do traballo de todo revolucionario.

En Galicia no mes de xullo de 2008

[Voltar ao inicio desta nova]