ROLDA DE PRENSA EN DEFENSA DA FESTA POLA LIBERDADE

A Plataforma "Que voltem à casa!" responde aos ataques sobre a Festa da Liberdade e denuncia a persecución e criminalización á que está a ser sometida, como tamén acontece co local que acolle o evento que se vai celebrar o próximo sábado 6 de Necembro na Sala Nasa de Santiago de Compostela.

Ante os ataques promovidos desde certos medios de comunicación por sectores en torno á II Festa pola Liberdade, que terá lugar o vindeiro sábado, 6 de decembro, na compostelá Sala Nasa, a Plataforma Cidadá Que Voltem à Casa! ofreceu onte unha conferencia de prensa con asistencia de algúns/has dos/as asinantes.

Na mesma aclarouse que a finalidade da celebración da II Festa pola Liberdade é, por unha banda, a divulgación das súas reivindicacións: ante todo, a esixencia da liberdade provisional de Santiago Vigo Domínguez e José Manuel Sanches Gorgas, presos en Madrid, e do seu achegamento a prisións próximas aos seus domicilios, en cumprimento da vixente lexislación penitenciaria española; e, pola outra banda, a recadación de fondos para financiar as viaxes a centos de quilómetros para as visitas de familiares, amigos e amigas de ambos os dous presos.

Fronte ao que se difundiu nas pasadas semanas en diversos medios de comunicación, e as declaracións dos grupos muncipais composteláns do Partido Popular e do PSOE, a Plataforma rexeita na súa declaración que exista "tal homenaxe ao ex-preso Ugio Camanho Sam-Tisso e á ex-presa Xiana Rodrigues Gomes", senón que a intención da festa é outra: como xa aconteceu o ano pasado con toal normalidade, é unha festa reivindicativa e para recadar fondos.A Plataforma denuncia esta sucia campaña e comunicou que "non vai ceder a presións mediáticas fundamentadas en mentiras". Vai seguir adiante na celebración da Festa pola Liberdade "e na defensa dos dereitos e liberdades de todos e todas as galegas", e anima a todas as persoas solidarias a participar na festa. Roi Ribeira, compañeiro noso en Causa Galiza e membro do Consello Nacional do BNG, e as xornalistas Begonha Caamanho e Xiana Arias, leron o manifesto que xa foi asinado, entre outros, por Xosé Manuel Beiras, Xosé Luís Méndez Ferrín, Roi Ribeira, Xosé Constenla, Teresa Moure, Xurxo Souto, Francisco Fernández Rei, Carlos Santiago, Albero Lema, Margarita Ledo, Elvira Souto, Tino Baz, Anxo Angueira, Carme Hermida, Uxio Breogán Diéguez, Gustavo Luca ou Luis Gonçales Blasco 'Foz', así como por persoas individuais e militantes doutros colectivos e partidos entre os que se atopan camaradas do Partido Comunista do Povo Galego. [Voltar ao inicio desta nova]