SOLIDARIEDADE COS VICIÑOS DE SALCEDO E FIGUEIRIDO. FORA A BRILAT DE GALIZA

Os viciños de Salcedo e Figueirido xa non aturan máis inxustizas e prepotencia dos militares.

Por volta de 500 viciños da freguesia de Salcedo, en Pontevedra, manifestáronse no dia de hoxe 8 de Decembro [Ver video], que seica era o “Día da Inmaculada, patroa de Infantería” ante a base da BRILAT de Figueirido contra a “arrogancia dos militares" e para rexeitar a ampliación do perímetro de seguridade de 300 metros do cuartel.

Nun clima de forte tensión e indignación da veciñanza, que protestaban mentres se realizaba unha marcha militar no interior da Base, rexistraronse numerosos incidentes violentos por parte da policia nacional e militar, tendo que ser evacuada en ambulancia unha muller ferida pola represión policial.

A mobilización dos viciños foi aumentando e provocou que se desplazaran á zona a Unidade de Intervención de Vigo da Policía Nacional así coma efectivos da Garda Civil, xunto cos propios membros da Policía Militar pertencentes á base da Brilat para reforzar o cordón de “seguridade” ante o Cuartel Militar.

Mentres os veciños berraron consignas contra o Exército e sostiñan pancartas co lema 'O monte é noso'!, "Brilat fora!", "Nunca máis" ou "militares: parásitos sociais", así coma outras mensaxes contra os responsábeis do Ministerio de Defensa español e exixían a anulación dunha orde que establece a ampliación da “franxa de seguridade” que lles impide facer modificacións e dispor dos seus bens privados e comunais sen o permiso dese Ministerio de Defensa. Alén diso, os viciños e viciñas tamén se opoñen ás obras que a Brilat está realizando nun lugar próximo ao campo de tiro, para realizar adestramentos dirixidos especificamente aos militares mercenarios que van realizar misións de ocupación no estranxeiro.

Como ben di o portavoz desta mobilización, Fernado Pintos, esta foi unha demostración de forza veciñal e popular. «Ningún conflito da historia foi gaño polo Estado, gañouno o povo. E aquí vaino gañar outra vez o povo e o que están a provocar é que a próxima vez haxa moita máis xente». Pintos resumía na súa persoa a indignación dos afectados.

No PCPG coidamos que esta acción reforza xusteza da iniciativa impulsada no seu momento, fai máis de ano e medio pola Asemblea Anti-imperialista de Vigo e outros colectivos, entre os que nos atopamos para loitar por fechar dunha vez por todas a tristemente célebre BRILAT que nos impuxeron no noso territorio e que é hoxe un corpo armado de élite, o fundamental para a presenza das forzas militares do imperialismo español en Afganistán, Kosova, Líbano, etc.

[Voltar ao inicio desta nova]