POR VOLTA DE 30.000 TRABALLADORES GALEGOS MANIFESTÁMONOS NESTE 1º DE MAIO

O PCPG participou nas mobilizacións e accións máis importantes desenvolvidas en Galiza.

Pola “Folga Xeral” e “contra as políticas de pacto social” fóron as palabras de orde que máis se berraron nas mobilizacións do 1º de maio, Dia do Internacionalismo Proletario, que decorreron nas cidades e vilas máis importantes de Galiza contra as políticas gubernamentais, en defensa dos nosos direitos sociais e laborais ameazados pola ofensiva neoliberal do capitalismo en crise; en defensa do emprego e dos salarios e das pensións de retiro.

Os discursos dos dirixentes sindicais das centrais sindicais: CIG (que mobilizou a maior parte dos manifestantes galegos/as), da CGT, CUT, CNT e COG tamén insistiron na denuncia do papel colaboracionista de CCOO e UGT con estas políticas tan agresivas contra os nosos intereses como clase traballadora.

Os militantes do PCPG presentes nas mobilizacións distribuimos volantinas do partido cunha declaración na que apelamos a loitar polo noso futuro, a afortalar as nosas organizacións de clase, a unir as loitas e a impulsar a construción dun verdadeiro partido revolucionario dos traballadores galegos, un auténtico Partido Comunista no camiño da nosa definitiva emancipación como clase e como povo.

Neste "Dia do Internacionalismo Proletario", nós, comunistas galegos, rendemoslle homenaxe á loita doutros povos que loitan en condicións difíciles, por sair adiante na súa loita contra o capital e o imperialismo facendo especial referencia ao povo cubano que defende heroicamente a súa Revolución "enfrontando o bloqueo criminal dos EE.UU e sendo facho de liberación universal, do que son tamén paradigma cinco heroes fillos de Cuba Socialista, que loitan desde dentro dos cárceres do monstruo pola seguridade e soberanía do seu povo." [Voltar ao inicio desta nova]